
Charla-Coloquio da Asociación do Traxe Tradicional de Pontevedra
O xoves 12 de xaneiro ás 17:00 horas, o Salón Noble acollerá unha Charla-Coloquio a cargo de Montse Liñares sobre o traxe tradicional baixo o título "A nosa vestimenta e como vestila".
A NOSA VESTIMENTA E COMO VESTILA
A Asociación do Traxe Tradicional de Pontevedra nace no ano 2014 co fin de traballar a prol da investigación, da conservación e da dignificación do Traxe Tradicional Galego en todas as súas variantes.
A charla estará dividida en diferentes puntos:
1. Amosaranse catro traxes completos para vestir os modelos, peza a peza.
a) Traxe de cotío ou domingueiro de muller e de home
b) Traxe de garda de muller e de home.
2. Presentación dos catro traxes e descrición dos mesmos: vestido, peiteado, ourivería…
3. Mostras de teas. Deixaranse mostras de teas, recortadas e nomeadas. A manipulación das mesmas é esencial para que se poidan apreciar as texturas diferentes e comprender a diferencia entre os traxes de garda e de cotío.
4. Colocación de panos de cabeza, de cruzar e faixas. Amosarase como poñer os diferentes panos, faixas e monteiras, así coma as diferencias dos sombreiros e o seu uso.
5. Rogos e preguntas.
MONTSE LIÑARES BELLO
Propietaria da tenda de Confección de traxes tradicionais “Bulideira” en Santiago de Compostela.
Con esta iniciativa quérese resaltar a súa labor para manter vivas a nosa cultura e as nosas tradicións. Ten desenvolto un extenso e premiado labor de investigación e divulgación da cultura tradicional galega.
Entre outros galardóns cabe destacar a Medalla do Concello de Santiago con motivo da celebración do “Día Internacional da Muller” do ano 2013, en recoñecemento polo seu labor de investigación e divulgación da cultura tradicional galega; así como do premio “Antón Fraguas” no ano 2006, polo seu traballo analítico do traxe tradicional.